Utilización dos blogs como recurso de aula do profesorado

Visita ás fragas do Eume

1. - Un Espazo Natural privilexiado:

As Fragas do Eume constitúen un espazo natural único, xa que non pervive en toda a Europa Atlántica un bosque das súas características. Desta forma e grazas ao ambiente umbroso predominante, podense atopar aproximadamente 100 especies de fungos, máis de 240 de líquenes -87 propias deste lugar, 20 descoñecidas en España, 2 únicas en Europa Occidental e 1 no Continente- e 200 briofitas -52 novas en Galicia e 5 en España. Estas especies recobren os troncos das árbores e o chan, onde, xunto aos fentos -21 especies- e a un complexo florístico, predominantemente herbáceo, conforman o estrato máis baixo desta formación vexetal.
Nun piso superior están os arbustos -1 a 3 metros-, que teñen pouco desenvolvemento alí onde o bosque é moi espeso e non deixa pasar a luz, pero que crecen en grande número onde o chan non é profundo e en partes degradadas. Aquí podemos atopar abeleiras (Corylus abelá), maceiras silvestres (Malus silvestris) ou espiños (Crataegus monogyna), que poden ter porte arbóreo, así como queirugas (Ericáceas), toxos (Ulex) e acivros (Ilex aquifolium).
Por último temos un estrato arbóreo -15 a 20 metros- predominante, que conta con 23 especies arbóreas, de entre as que destaca o carballo. As demais sitúanse preferentemente segundo tres zonas: nas beiras do Eume e dos seus afluentes hai especies de Ripisilva, composta por árbores que soportan os chans encharcados como o salgueiro (Salix atrocinera) ou o ameneiro (Alnus glutinosa), acompañados de freixos (Fraxinus excelsior), olmos montanos (Ulmus glabra), bidueiros (Betula celtiberica) e mesmo loureiros (Laurus nobilis). A maior altura estaría a grande masa dominante de carballos, sobre os chans máis profundos de media ladeira, xunto a outras árbores como pradairos (Acer pseudoplatanus), saucos (Sambucus nigra), serbales (Sorbus aucuparia), loureiros e castiñeiros (Castanea sativa), especie esta última, introducida polo home que se adaptou perfectamente ao bosque galego. Nas partes somitales, en chans pobres ou naqueles que están en proceso de recuperación, volve aparecer o bidueiro, xunto ao teixo (Taxus baccata) ou ao carballo albar (Quercus petraea), ademais dalgunha sobreira (Quercus suber) e albedros (Arbustus unedo) relictos, localizados nos lugares mellor orientados cara ao sur. Relictos, igualmente, son outras especies vexetais que resaltan a importancia deste espazo, destacando entre eles o Culcita macrocarpa, a Woodwardia radicans ou a Davallia canarienses, fentos macaronésicos, pertencentes á Laurisilva ao igual que outras especies arbóreas existentes nas Fragas como o loureiro e o albedro, que están en perigo pola alteración da cuberta arbórea. Esta flora de ambientes cálidos conservouse en Galicia, cando se retirou a Laurisilva ao final do Terciario, grazas a o microclima producido pola moderación das temperaturas motivada pola proximidade do mar e a configuración do canón. Este, ao ser tan estreito, non permite a entrada dos ventos do SO e do NE, maioritarios en Galicia, nin dos temporais, facilitando a configuración de néboas. Ademais a proximidade dos montes á costa orixinan precipitacións abundantes, sobre todo nas partes altas do canón, polo que o grao de humidade é elevado todo o ano. Así por exemplo, a media da estación meteorolóxica do Encoro en 20 anos é de 1.911 mm./año; un pouco máis arriba, en A Capela (364 m.), é de 2.340. Esta circunstancia xunto coa proximidade ao mar fan que as temperaturas sexan moi suaves -14,2°C de media en A Capela-. Con este microclima de humidade constante e temperaturas temperadas creouse un ambiente propicio para a conservación de especies que xa non se atopan nestas latitudes.
Aquí tamén podemos atopar especies propias de climas montanos, subliñando así a variedade de ambientes existentes ao longo do Eume, caso do bidueiro ou da Valeriana pyrenaica, localizándose esta última nas partes máis altas e agrestes.
Polo que acabamos de expoñer compróbase que o bosque atlántico, e en particular este, é un dos ecosistemas de maior biodiversidade do planeta, con grande variedade de especies vexetais pois nel mestúranse os medios costeiro, coliño e montano, xunto ás reliquias da Laurisilva. Ademais, nun espazo tan rico, a fauna tamén é interesante, presentando 126 clases de vertebrados, aínda que a presión antrópica influíra con forza sobre ela. Son abundantes as aves limícolas na marisma do esteiro e as anátidas no Encoro. No bosque viven o picapeixe (Alcedo atthis), a laberca (Alauda arvensis), o rateiro (Buteo buteo), o moucho das orellas (Strix aluco) e o falcón (Falco peregrinus) entre outros. De entre os mamíferos destacan, por exemplo, o teixugo (Meles meles), o gato montés (Felis silvestris), o raposo (Vulpes vulpes), o abundantísimo xabaril (os Sus scrofa), a londra (Lutra lutra) e mesmo o lobo (Canis lupus) nas paraxes menos transitados polo home, é dicir ao leste do encoro. Ata o século XVII viviron osos nestas terras e ata fai poucos anos a aguia real e a pita do monte. Tamén houbo salmóns pero a construción do encoro impediulles remontar o río; Agora só quedan troitas (Trutta fario) e algún reo (Trutta trutta). Entre os réptiles destaca a píntega rabilarga (Chioglossa lusitanica), que é un endemismo do NO peninsular e ten no Eume a maior colonia de Galicia.
A parte destes valores biolóxicos, a Cunca Baixa do Eume é tamén un espazo natural importante polos seus valores xeomorfolóxicos, pola conformación dun canón profundo de pendentes acusadas e diferenzas de altura que superan os 250 metros, quedando en resalte as cristas de cuarcitas. Os afluentes máis pequenos teñen que salvar os desniveis baixando en fervenzas. Pola construción do Encoro pódense ver a
grande cantidade de bloques redondeados e marmitas de xigante no leito do río.

BIBLIOGRAFIA:

- MONTERO ARÓSTEGUI, J. (1858). Historia de El Ferrol. Reedición de 1972 de Ed. Gersán. 432 págs. Ferrol.
- SILVA-PANDO, F.J. e RIGUEIRO RODRÍGUEZ, A. (1992). Guía dás árbores e bosques de Galicia. Ed. Galaxia. 294 págs. Vigo.
- VALES, C. (dir.). (1994). Os bosques atlánticos europeos:status e conservación. Ed. Baía Edicións. 243 págs. A Coruña.
- VALES, C. (1993). Ás Fragas do Eume. Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. 171 págs. Santiago de Compostela.
- VALES, C. (1993). A conservación dous bosques antigos galegos. O lobo, a extinción de especies e outros ensaios sobre a conservación. Edicións Laiovento. 161 págs. Santiago de Compostela.


volver á páxina principal.

No hay comentarios: